Sunday 05 de May de 2024

Paderne constrúe un programa para adultos con máis de media ducia de actividades e novidosos talleres


 O programa contempla diferentes actividades físicas, manuais, artísticas e de cocina que comezarán na segunda quincena de outubro

 Os talleres, de menor duración, ofrecerán disciplinas como informática ou arte floral. O primeiro será en novembro

Máis dunha ducia de actividades e talleres compoñen o programa de cursos culturais e deportivos para adultos que o Concello de Paderne ofrece cara o ciclo académico 2023-2024. Un ciclo que, neste sentido, arrincará na segunda quincena de outubro e se pechará a mediados de xuño do 2024.

No tocante as actividades anuais, Paderne dispón dunha oferta composta por pilates, aerobic/zumba, baile, cociña, restauración e pintura e manualidades. Tamén continúan as habituais de ximnasia, labores e corte, que non sofren ningunha modificación. Todas elas levaranse a cabo en horario de tarde, de luns a venres, en Paderne (local o biblioteca), Adragonte, Quintas, Souto, Velouzas, Vilamourel ou Viñas.

Por outra banda, ao longo do curso o Concello organizará catro talleres de menor duración cas actividades e unha periodicidade de unha sesión semanal. O primeiro deles é o de iniciación á informática, previsto para os meses de novembro e decembro. O de cestería desenvolverase de febreiro a abril. Tanto o de tratamentos naturais como o de arte floral terán unha duración total dun mes. O primeiro deles terá lugar en marzo e o segundo, en maio.

“Ofrecemos un conxunto de actividades para maiores diversas, que permiten adquirir competencias de todo tipo e, o que quizais é máis importante, son un xeito de socializar no propio concello. Ademais, facémolo a prezos populares, porque o custo non debe supor unha restrición importante para ninguén”, explica o alcalde, Sergio Platas.
O custo mensual das actividades e talleres varía en función da duración da sesión: 6,75 euros ao mes as de 1 hora, 7,5 euros se son de 90 minutos e 8 euros as 2 horas. O pago anual pode fraccionarse en dous períodos.

Os interesados teñen, desde xa, dispoñible a opción de inscribirse no propio Concello de xeito presencial ou a través da sede electrónica. Cabe destacar que cada actividade ou taller debe chegar a un grupo mínimo de 10 persoas. Ademais, no caso de querer darse de Baixa, esta debe quedar rexistrada por escrito para ser tramitada.

Tras pór en marcha as inscricións dos cursos para persoas maiores de 18 anos, nos vindeiros días o Concello de Paderne fará oficiais as actividades extraescolares que porá a disposición da rapazada.